¡¡¡"Esto es la guerra..."!!!

La política es el arte de buscar problemas, encontrarlos, hacer un diagnostico falso y aplicar después los remedios equivocados. GROUCHO MARX

viernes, 16 de mayo de 2008

Día das Letras Galegas, en Galicia ou en Galiza?





Hoxe imos escribir en galego, porque mañá é o Día das Letras Galegas, porque estamos en Galicia ó fin, porque nunca antes escribiramos en galego, e como diría o noso ben querido Boadella, porque me dá a gana.


Achégase un dos días nos que os galegos de ben nos sentimos máis orgullosos de selo. Un día no que se celebra a nosa riquísima cultura, lingüística pero tamén histórica e política. No que as escolas (non só as galescolas), as bibliotecas e os concellos fan festivais e actos públicos para dar a coñecer figuras importantísimas para todos nós. Este ano tócalle a Xosé María Álvarez Blázquez, un home comprometido con Galicia dende a súa xuventude, membro da Real Academia Galega, fundador da editorial Castrelos, e prolífico escritor de moitos e diferentes xéneros literarios como a narrativa infantil, a poesía ou o ensaio.

Un dos aspectos máis intesantes que ten Álvarez Blázquez é que escribíu en galego por suposto, pero tamén en castelán ('En el pueblo hay caras nuevas' 1945) sen deixar de ser defensor da súa identidade e das súas conviccións galeguistas. E isto é un rasgo que o autor comparte con outros homenaxeados en anos anteriores, autores da importancia de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Viqueira Cotón, Vilar Ponte, López Ferreiro, Francisca Herrero Garrido, etc. Un dos casos máis claros é o de Manuel Murguía. Don Manuel non escribía habitualmente en galego, pero iso non lle impedíu loitar por Galicia e o galego, defender a literatura galega, especialmente a de Rosalía de Castro, a de Pondal (o grande poeta da raza, autor do noso himno galego) ou a de Curros (que preside unha asociación que co tempo dará lugar á Real Academia Galega). Todos estes escritores claves pensaban que defender a literatura é defender a cultura, a historia a conciencia dunha terra e dos seus paisanos, e que o idioma no que se faga non é tan importante coma o feito de que se faga.

Alguén ten o valor de discutir que todas estas figuras míticas da nosa historia teñen menos valor ou calidade, literaria ou persoal, ca outras que utilizaron só o galego? Creo que ninguén entraría nunha loita coma esa. E é por isto que cremos que se pode chegar a un equilibrio, a un bilingüismo real, a unha coexistencia que enriqueza a todos sen que ninguén se sinta discriminado ou desprezado. Ninguén, tampouco os que decidan expresarse en castelán.


A Mesa pola Normalización Lingüística convocou para o día 18 unha manifestación en Santiago para defender o uso do galego en Galicia. Isto dito así parece moi razoable, pero revisando as bases da convocatoria hai partes que non o semellan tanto. O enlace que adxunto leva directamente ás devanditas bases (http://www.amesanl.org/18maio2008/campanha.htm) No punto un dise 'Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo ', e logo vivir en castelán non o é?. Tamén se di que 'o galego é o único idioma natural de Galiza' ou que 'Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc'. Pídese 'a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas' e denúnciase 'contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego'. E todo isto a ninguén lle soa a radicalización, á potenciación dun idioma incluso chegando a pedir un compromiso persoal no ámbito privado? Ben sei que é necesario fomentar a cultura galega, pero teñamos un pouquiño de cabeza, que hai xente tan galega coma os desta Mesa que non lles peta falar en galego, e menos na súa casa, porque teñen as súas razóns e non somos quen de xulgalas.

Polo momento o ambiente xa se está a quentar cunha pancarta colgada onte na catedral de Santiago, que ameaza con viaxar a outros puntos de Galicia nestes días, na que se le 'En Galiza, en galego'. Imos ter que facer cousas así os castelán-falantes tamén? Aposto a que na manifestación do domingo non haberá agresións contra os manifestantes, cousa que si pasou contra os membros da 'Mesa por la libertad lingüística' hai poucos meses, e segue a pasar cada vez que hai un acto público no que se defende a liberdade dos falantes en Galicia.


Nós queremos crer nunha Galicia bilingüe, na que todos sexamos conscientes da riqueza que temos e na que todos esteamos orgullosos de pertencer a unha comunidade que valora a súa historia e ás súas xentes, independientemente do idioma que falen.


E para rematar, a nosa homenaxe ó señor Álvarez Blázquez cun poema cheo de carga social e retranca galega, como debe ser.




Ise neno da rúa


Non é certo que os nenos teñan fame

Non pode ser.

Ben o sabedes todos

os que andades no mundo atafegados

á percura do pan dos vosos fillos

Ises outros que vedes pola rúa

pedindo esmola,

non teñen fame, non, porque daquela

vos teríades morto de vergonza.


E ben vos vexo andar nos vosos coches

ou nos tranvías, a berrar de cousas

estranas, -¡viva, beba, baba, buba¡-

sen reparar naquil esfarrapado

que coa moura mauciña está petando

na porta de ferro.

Por iso penso que non é verdade

o que algún caviloso di dos nenos

que andan así petando pola vida

-¡Non, home, non¡- lle dixen a un de

aqueles-

A xente pasa leda......¡Fora boa

que andivesen a rirse dos seus crimes¡


No hay comentarios: